III Enarborar o bosque: Contra os proxectos de minería agresiva

Manifesto

Contra os proxectos de minería agresiva
Creadoras e creadores galegos- músicos, poetas, artistas plásticos e e visuais, magos… co apoio de colaboracións internacionais, xuntámonos o día 1 de xuño , data próxima ao día mundial do medio ambiente, en Corcoesto, Cabana de Bergantiños, para amosar un ano máis o noso compromiso coa conservación da Natureza. Neste 2013 fixamos a nosa mirada no forte impacto das explotacións mineiras en Galicia, especialmente as que se producen a ceo aberto. O proxecto de Edgewater Exploration Ltd de explotar unha mina de ouro a ceo aberto en Bergantiños representa o máximo expoñente desta ameaza no noso territorio. Pero non hai que esquecer as explotacións xa en desuso como a tamén de ouro en Pedrafita, abandonada e sen a preceptiva recuperación do contorno, ou as máis recentes de combustíbeis fóseis de Meirama e As Pontes de García Rodriguez, rexeneradas con proxectos sinxelos e baratos para as empresas pero ambientalmente incorrectos, xa que se optou por enchelas de auga. Tampouco esquecemos as máis activas neste momento, as de rochas ornamentais, nomeadamente granito e lousa, nos lindes de espazos dun grande valor ambiental que no segundo dos casos chegan a sepultar vales enteiros das serras do Courel de Pena Trevinca, provocando unha situación de deterioro irreversible, tendo condicionado a alineación dos Espazos da rede Natura 2000 da Unión Europea, mesmo desde antes do seu trazado. O proxecto para a mina de ouro de Corcoesto é unha mostra máis da insostenibilidad do sistema mineiro que se deseña dende o mercado para dar satisfacción a un consumo por riba das nosas posibilidades ambientais. Na península temos un exemplo tráxico no vertido de Alnazcollar, no que a rotura da súa balsa provocou o que se derramaran 2 millóns de lodos e 4 millóns de m3 de augas ácidas, o que provocou unha onda de case que 4 metros de altura 11 km augas abaixo. O dique de balsa de Corcoesto sería 3 veces maior e en caso de accidente o volumen de lodos e augas contaminadas que podería liberar duplicaría con creces el de Rio Tinto. O desnivel e a escasa distancia ao esteiro do Anllóns faría que en caso de accidente as poboacións de Anllóns Grande e Ponteceso se viran dramáticamente afectadas por unha avenida que multiplicaría por catro a máxima rexistrada nos dous últimos séculos, cubrindo cunha capa de lodos de casi tres metros as 400 Ha do esteiro do Anllóns, dende a ponte de Ponteceso ate a súa desembocadura na illa da Tiñosa, e con case que 50 cm de lodo tóxico a ría de Corme-Laxe entre os faros de Punta Roncudo e Laxe. Lodos que conterían 8,5 Tn de arsénico finamente moido (*). Ese é o perigo latente pero hai outros, hai máis, a mobilización do arsénico presente nos solo - aos que se suman sustancias como o cianuro, sosa caustica ou ácido clorhídrico- a súa incorporación á capa freática e á rede hídrica, coa ameaza subxacente sobre as empresas de produccion gandeira e agrícola e a producción acuícola e pesqueira da zona, producindo un claro empobrecemento da zona e a súa hipoteca unha vez rematada a explotación mineira, cuestións que non son compensadas por un puñado de postos de traballo que a mais serán limitados no tempo. Todo isto sen esquecer e poñendo en relevo a importancia paisaxística e de biodiversidade do Esteiro do Anllóns, especialmente a nivel ornitolóxico. Pero non esquecemos a dependencia mineira do sistema, sabemos o impacto local e coñecemos o que xenera o noso consumo noutros paises , como exemplo bastaría falar da Guerra na República Democrática do Congo (Uganda e Ruanda) xerado a partir do coltán, preciso para fabricar os móbiles ou a guerra financiada pola venda de diamantes na mesma zona e Angola, Serra Leoa… ou as condicións de explotación humana para a extracción de ouro e outros metais preciosos en Sudamérica. Sabemos o custe do ouro pero tamén do petróleo, do carbón, dos metais… en outros países, o custe social e ambiental, polo que facemos un chamamento para deixar de identificar consumo con crecemento económico. Non queremos este proxecto de mina de ouro en Corcoesto e nos comprometemos, e facemos un chamamento á sociedade para que faga seu o compromiso, cun decrecemento do consumo de recursos que nos faga avanzar cara a unha relación sustentable coa natureza. (*) Datos aportados pola Sociedade Galega de Historia Natural

2 comentarios:

  1. Ola
    Eu tamén estiven alí, e puxen a miña pedra no Milladoiro. Son colaboradora na revista Irimia, sección Boa Nova. No próximo número sairá publicada a miña colaboración que dediquei ao Milladorio de Corcoesto. Pégovola nesta mensaxe para que quede no blogue:

    Boa nova Lc 9, 18-24

    Como tú,
    piedra pequeña;
    como tú.
    León Felipe

    Entre a multiplicación dos pans e peixes e a transfiguración Lucas pon esta pregunta: Quen dicides que son eu? A medio camiño entre o compartir e o transformar a realidade, "quen perda a súa vida pola miña causa, ese poñeraa a salvo"
    O día 1 estiven en Corcoesto, na Carballeira de Santa Mariña, compartindo coa veciñanza e un feixe de xoves artistas un milladoiro nas beiras do Anllóns: pedras compartidas e transformadoras contra intereses espúreos que queren arruinar un monte, un río, unha ría,... un anaco da nosa Galicia, por un "puñado de dólares". Emocionoume ver a capacidade transformadora que poden ter unhas poucas pedras convertidas en símbolo de resistencia e fortaleza, a lectura dun manifesto que avoga polo decrecemento e a volta á terra como camiño de futuro, o silencio e o mimo co que homes e mulleres, nenas e nenos, colocaban as pedras....
    E vós quen dicides que son eu? pois éravos un seixo que collín na praia da Ermida, en Corme, na ría do Anllóns, e que se uniu a outras pedras nunha causa común. Seica o día 2 abarrotouse a praza da Quintana con berros contra a minería salvaxe, pero eu vin a transformación que nos propón Xesús na Carballeira de Santa Mariña, ao pé da ermida, mirando o lento correr do Anllóns.

    Marisa de Corme

    ResponderEliminar